A acción heroica realizada por dous gardas civís o pasado 26 de maio motivou o acto de recoñecemento ao seu servizo organizado hoxe polo Concello de Culleredo. O alcalde, José Ramón Rioboo, agradeceu en nome da cidadanía do municipio “o valor, valentía e profesionalidade” de Salvador Ponte e Fran Calabria, os dous axentes do posto da Garda Civil de Cambre que aquela madrugada do 26 de maio entraron no edificio da avenida de Fonteculler onde se declarou un lume para salvar á familia dun dos pisos próximos afectados polo fume.
Dentro atopábanse unha avoa e a súa neta. Xunto coa Policía Local de Culleredo entraron no edificio e foron os dous gardas civís os que entraron no piso e lograron rescatar ás afectadas.
“Arriscastes as vosas vidas por salvar as súas e iso quedaranos para sempre na retina”, sinalou o alcalde no acto. Os dous homenaxeados, acompañados dos responsables dos postos de Cambre e Culleredo e do xefe da Policía Local cullerdense, quixeron agradecer así mesmo a colaboración obtida ese día dos veciños, que axudaron na intervención.
Rioboo destacou así mesmo a coordinación con Policía Local e Bombeiros para resolver felizmente a situación. Como final do acto, entregou a Salva Ponte e Fran Calabria, veciños de Culleredo, unha Torre de Celas en Sargadelos, un pequeno recordo para un servizo heroico á cidadanía.