O Concello de Culleredo acaba de acometer un plan de dotación de novas prestacións no Centro Cívico de Fonteculler. Os traballos responden a necesidades detectadas polos técnicos municipais nunha instalación que se utiliza a diario por actividades municipais deportivas, asociacións ou novas.
As obras consistiron na mellora de diversos equipamentos da dependencia. Na planta baixa instalouse pavimento deportivo, especializado para o uso interior, de 5 mm de espesor. Aumentará a comodidade e desempeño das actividades deportivas.
Doutra banda, o Concello dotou ao centro dun sistema de renovación de aire en toda a dependencia. Mellorará o confort no uso cotián. Na zona da cafetería dispúxose de climatización, co mesmo obxectivo.
Na terraza exterior cambiáronse os vidros por uns máis grandes. Conséguese así aumentar a seguridade dos máis pequenos.
Finalmente, o Concello acometerá unha limpeza da madeira da terraza, repoñendo as táboas danadas polo uso e executando un novo vernizado que mellorará o seu aspecto.
Esta batería de melloras supuxo un investimento municipal de 48.000 euros.