O plan do Concello de Culleredo para crear parques cubertos chega á praza das Brañas, en Fonteculler. Trátase do punto neurálxico do núcleo, xunto ao centro social, e o goberno local aposta por cubrilo para incrementar o seu tempo de uso con independencia das inclemencias meteorolóxicas.
As obras acábanse de iniciar e esta semana péchanse os parques para poder avanzar na instalación das estruturas das cubertas.
O proxecto contempla unha cuberta cunha superficie de 200 metros cadrados. Terá estrutura metálica e peche de policarbonato de cores. Deséñanse dúas cubertas diferenciadas para cada unha das zonas que ten o parque, a infantil e a biosaludable, unidas por un pórtico.
O investimento será 64.467 euros, unha vez adxudicada a actuación. Está cofinanciada pola Deputación da Coruña.