A Biblioteca Municipal do Burgo pechará temporalmente a partir deste luns, 16 de setembro, polo próximo inicio das obras de remodelación que acometerá o Concello de Culleredo. Trátase da segunda fase para a rehabilitación do Edificio de Servizos Múltiples.
Os usuarios, mentres duren as obras, serán atendidos na Biblioteca Municipal de Vilaboa a partir do próximo día 20 de setembro. O horario será de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O Concello lamenta as molestias que se orixinarán por este motivo.
O Concello duplicará o espazo da sala do Burgo. Pasará dos 180 metros cadrados de superficie actual a un total de 300 metros cadrados. Isto lograrase coa redistribución interior dos espazos, eliminando os antigos despachos e aproveitando os distribuidores. Tamén se gañarán almacéns usando os ocos dos antigos ascensores.
O Concello configurará unha Biblioteca con espazos máis diáfanos, con divisións en cristal que propiciarán unha maior entrada de luz. Haberá zonas para o estudo, a consulta e unha sala específica para lectura.
A sala infantil, que xa foi reformada, manterase, con motivos para fomentar a lectura entre os pequenos e preparada para os contacontos e talleres. Consta doutros 77 metros cadrados.
Os traballos consistirán inicialmente na demolición de tabiquería existente e falso teito. Renovaranse as instalacións de electricidade, iluminación e seguridade, así como os acabados. Repararase a tarima actual e parte das xanelas. A actuación suporá un investimento de 64.189,34 euros.