Cinco novas propostas culturais que diferentes creadoras, autoras e museos nos ofrecen, de balde, para facer a semana máis amena. Podes enviarnos as túas propostas ao correo cultura@culleredo.es e así compartilas con todas.
ILUSTRACIÓN: O noso veciño David Pintor sube cada día á súa canle de Instagram unha ilustración que sintetiza á perfección o sentir común do confinamento e, ao tempo, dá ideas aos máis pequenos (e a toda a familia) para pasar o tempo encerrados na casa.
CONTOS: O Colectivo NOGA quere contaxiarte, pero con contos. Promoven así unha pandemia de contos que podes ver na súa canle de Youtube, onde toda a familia pode gozar coas contadas de Lidia Luna, Caxoto, Olga Abad ou Pablísimo. Atenta ao primeiro síntoma: a diversión!
CINEMA: O Museo do Pobo Galego ten en aberto na súa canle de Vimeo este interesantísimo obradoiro precinema na que as nenas poden aprender a facer un zoótropo e mais un taumatropo. Pertence á programación do MICE en liña, mostra especializada en cinema etnográfico.
MÚSICA: Xa que non pode defendelo en concerto, Xabier Díaz está a facer un inxente labor de promoción do seu novo disco, As Catedrais Silenciadas, nas redes sociais. Alí podes atopar encontros en directo cos seus seguidores, vídeos sobre o proceso creativo do disco ou imaxes do libreto.
LINGUA: NALINGUA vai ser un podcast para falar de lingua e literatura galega feito por Laboratorio de Radio e presentado por... un de Valladolid! Un proxecto transmedia moi innovador ao que haberá que seguirlle a pista en próximas semanas a través de Vinte.