O Concello de Culleredo mantén activo o seu servizo municipal de formación e emprego:
- Se quedaches en situación de desemprego ou xa estabas desempregado/a e precisas información
- Se necesitas coñecer o procedemento, neste momento, para a renovación da demanda de emprego
- Se estás interesado/a en cómo quedan os plans de formación municipal para o emprego
Podes contactar con nós a través dos seguintes enderezos electrónicos:
- emprego@culleredo.es
- insercion.laboral@culleredo.es
- formacion@culleredo.es
Como consecuencia da situación xerada pola evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 e co obxectivo de minimizar o seu impacto nas persoas demandantes, Emprego Galicia adoptou as seguintes medidas:
- NON será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril de 2020.
- NON se dará de baixa, ata o 30 de abril, ás persoas estranxeiras que teñan pendente a renovación dunha autorización administrativa ou estean pendentes de presentar algunha documentación xustificativa.
- NON se esixirá a acreditación da busca activa de emprego (BAE) na solicitude do subsidio extraordinario ou renda activa de inserción.
- Quedan suspendidas as citas presenciais de orientación laboral. O teu persoal de orientación, poderá contactar contigo, de ser o caso, para citas de seguimento telefónico.
- Quedan aprazadas, mentres dure a suspensión das actividades educativas, as accións de formación profesional para o emprego xestionadas ou financiadas pola Xunta de Galicia, as prácticas non laborais, os obradoiros de emprego e os programas integrados de emprego.
Desde a posta en marcha do Plan de Emerxencia Sanitaria en Galicia, as oficinas de emprego da Xunta de Galicia están pechadas ao público, pero teñen a consideración de servizos esenciais e o seu persoal continúa traballando para ti, realizando os trámites que necesites e ofrecendo atención telefónica e telemática.
Se queres saber como realizar os teus trámites urxentes consulta a seguinte información:
- Se nunca estiveches inscrita/o como demandante de emprego en Galicia e necesitas solicitar a alta inicial para tramitar unha prestación ou subsidio, acceder a unha oferta ou por estar afectada/o por un ERTE:
- Neste caso tes a túa disposición o novo formulario web de solicitude de alta inicial. https://emprego.xunta.gal/portal/gl/formulario-alta-demanda.html
Unha vez rexistrada a túa solicitude, a oficina de emprego contactará contigo para consultar, de ser o caso, os datos que sexan necesarios para completar a túa demanda de emprego.
Se a túa demanda xa está rexistrada, o formulario dará un aviso advertindo que xa tes unha demanda no noso sistema. Consulta entón as seguintes medidas.
Se necesitas unha prestación ou subsidio, pero tes a demanda en baixa:
Debes dirixirte directamente á Oficina de Prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) a través do sistema de cita previa virtual habilitado na súa web. Tamén podes empregar o novo formulario de pre-solicitude de prestación individual por desemprego dispoñible na dita web. https://sede.sepe.gob.es/
Ollo! Se a prestación está relacionada cun ERTE iniciado como consecuencia do COVID-19, consulta a seguinte medida.
Se a túa empresa solicitou ou vai solicitar un ERTE de forza maior como consecuencia do COVID-19:
Non tes que facer ningún trámite. A empresa ten que presentar a solicitude do ERTE para a súa autorización pola autoridade laboral e tamén comunicará os datos ao Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), para que este inicie a tramitación da túa prestación.
Se o que necesitas é facer un trámite na túa demanda que non está relacionado cunha prestación ou subsidio (ofertas de emprego, acceso a programas...):
Podes contactar coa túa oficina de emprego telefonicamente ou por correo electrónico e eles realizarán o trámite cos datos que lles facilites.
Lembra tamén que podes reactivar a túa demanda de emprego en baixa a través da Oficina Virtual de Emprego Galicia.