O Concello de Culleredo amosa o seu apoio á veciñanza que se atopa en situación de risco social. O goberno local efectuou a contratación de 10 persoas para conformar unha brigada de medio ambiente e obras.
Esta semana conformouse a brigada, baixo a denominación de Culleredo Social, que terá unha duración de nove meses. A contratación será de 28 horas á semana, o que propiciou que o número de beneficiarios fose maior.
O obxectivo dos traballos da brigada será realizar tarefas de conservación en espazos naturais e promover melloras en zonas públicas do municipio. Desta forma, explica o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, con esta iniciativa conséguese á vez “apoiar a veciños con dificultades de acceso ao mercado laboral” e “impulsar actuacións de interese xeral para Culleredo”.
Coa súa incorporación, o Concello imparte unha formación aos participantes en materia de prevención de riscos laborais. Entrégalles ademais os EPI e demais material necesario para o desenvolvemento do programa.
Entre as tarefas que realizará a brigada atópanse a reparación de mobiliario urbano, a limpeza de camiños e beirarrúas, a conservación de espazos públicos, ou o lixado e pintado de valos, entre outras.
Con este proxecto de inserción laboral, o Concello quere mellorar a empregabilidade dos participantes a través da adquisición da práctica e experiencia profesional necesarias para facilitar a súa incorporación ao traballo. Esta acción únese ao programa de formación laboral que executa cada ano o Concello de Culleredo como camiño de axuda ás persoas en paro para buscar a súa inserción laboral.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER