O inminente inicio de curso escolar, coa situación extraordinaria da pandemia polo COVID-19, leva a ANPAS de Culleredo a elevar demandas á Xunta de Galicia para incrementar as condicións de protección e seguridade do alumnado. Varias das asociacións de nais e pais dos centros de ensino elaboraron un escrito coas súas peticións, que o Concello apoia e trasladou á Consellería de Educación.
Son dúas as propostas que trasladan os proxenitores. Por unha banda, demandan que o límite máximo de alumnos por aula na etapa de Infantil se reduza a 20. Consideran que esta franxa de idade é a que maior dificultade require para adaptarse ao protocolo, tendo en conta ademais que non levan máscara.
Por iso, reclaman:
- Que non se elimine unha aula de 3 anos no CEIP Sofía Casanova
- Que se reabran as aulas de 3 e 4 anos pechadas no CEIP Isaac Díaz Pardo
- Que se implante unha liña máis de 4 anos no CEIP Ría do Burgo
En todos os centros existen aulas suficientes para tomar estas medidas. Nalgúns, de feito, contan con espazos libres porque precisamente pecháronse as liñas mencionadas.
A segunda demanda refírese ao profesorado de apoio de Educación Primaria, en concreto de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Alertan de que as necesidades especiais do alumnado poden agravarse pola situación de confinamento vivido o pasado curso.
Por iso reclaman que se manteña o mesmo profesorado deste ámbito para o novo curso e mesmo que se reforce nos casos que sexa preciso.
O Concello de Culleredo subscribe as peticións das nais e pais.