O Concello de Culleredo estrea unha
guía online para dar visibilidade ao sector do comercio, servizos e hostalaría do municipio. O obxectivo é facilitar á cidadanía a información do variado tecido económico local para incentivar as compras de proximidade, cuestión esencial especialmente polos efectos da pandemia.
Son 264 os establecementos incluídos na guía. De cada un deles ofrécese a xeolocalización no mapa mediante tecnoloxía Google Maps, a súa información de contacto e actividade, ligazóns ás redes sociais e imaxes do negocio.
A plataforma ofrece un buscador por área de actividade e parroquia. O usuario obtén un mapa definindo o ámbito e a zona desexada. Así, por exemplo, pódense coñecer os establecementos de alimentación do Burgo, os locais de hostalaría do Burgo, os talleres de Almeiras, etc.
Contémplanse 31 áreas de actividade de comercio e servizos, respondendo á variedade que ofrece o tecido local. Hai desde supermercados, restaurantes ou ferraxarías até tendas de roupa, barbarías ou hoteis.
"Temos un comercio de calidade no que se pode atopar de todo sen saír do municipio", destaca o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo. Con esta iniciativa, destaca, o Concello "dá un paso máis" para dalo a coñecer.
Dado que as condicións sanitarias son variables e iso pode levar cambios na actividade dos negocios locais, o Concello pide aos responsables que desexen comunicar variacións que empreguen o formulario de contacto da propia web para trasladalo ao departamento de Promoción Económica. Así mesmo, se algún establecemento non está incluído e desexa adherirse, pode utilizar ese mesmo formulario.