O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, mantivo este mediodía unha nova reunión coa Consellerías de Sanidade e cos representantes dos Concellos da área metropolitana afectados polo peche perimetral. O número de casos activos en Culleredo é hoxe de 74, o que supón 9 máis con respecto a hai 2 días.
Estes días detectáronse grupos de persoas non conviventes que camiñaban por espazos como o paseo marítimo, unha das situacións que non están permitidas por Sanidade.
Por iso, o Concello de Culleredo intensificará os controis nas zonas de paseo do municipio, para asegurar o cumprimento das restricións decretadas pola Xunta de Galicia por mor da situación sanitaria.
Rioboo manifesta a súa “preocupación” por este pequeno repunte, cando se cumpren 12 días do peche perimetral da área metropolitana coruñesa, para frear a incidencia do coronavirus.
A Policía Local realizará controis exhaustivos para confirmar a procedencia e a situación de convivencia das persoas que empreguen zonas para paseo de Culleredo, especialmente as máis concorridas.
Desde o Concello de Culleredo queremos lembrar a toda a nosa veciñanza o imporante que é repectar a distancia de seguridade, o uso da máscara sanitaria e o lavado frecuente das mans.