A rúa Fernando Pérez de Traba, en pleno centro do Burgo, xa conta cunha nova imaxe. O Concello de Culleredo executou as obras de renovación da vía, de eminente carácter residencial, para mellorar as súas condicións no uso diario por parte dos veciños.
A rúa ten unha lonxitude de 216 metros e un ancho de 9 metros. O obxectivo da actuación consistiu no acondicionamento da firme calzada, que se viu afectado polo paso do tempo.
Procedeuse nun primeiro momento á demolición do pavimento máis deteriorado para a súa posterior reparación e asfaltado, xa realizado. Tamén se efectúa o recrecido dos pozos e tapas existentes, poñéndoos a cota da calzada.
Estanse repintando agora as marcas viarias de 10 centímetros dos aparcamentos ao longo de toda a actuación, así como as marcas viarias das prazas para mobilidade reducida. Tamén se dispoñen dous pasos para peóns e as zonas para a instalación dos contedores.
Os traballos están a completarse hoxe. O investimento nas obras ascende a 27.290 euros.