O Concello de Culleredo e Cruz Roja poñen en marcha unha campaña que ten como obxectivo, por unha banda, conseguir xoguetes e agasallos para os nenos e nenas das familias sen recursos de Culleredo e por outro ofrecer unha canle para a solidariedade veciñal que ano tras ano mostra o seu desexo de colaborar.
Nesta ocasión, ante a situación sanitaria pola COVID19, o Concello toma medidas para facilitar a participación á vez que minimizar o risco de contaxio. A Oficina Municipal de Voluntariado organiza a iniciativa e desprazarase porta a porta a empresas e asociacións que colaboren para recollerlles os xoguetes depositados.
O alcalde, José Ramón Rioboo, dirixirase precisamente a estas entidades para chamar á cooperación. “ Nun ano tan complicado como este pola pandemia é máis importante que nunca a solidariedade con quen ou necesita”, apunta. Os xoguetes irán destinados ás familias con menos recursos económicos do municipio.
As empresas e asociacións son os principais axentes que quere implicar o Concello. As persoas que desexen colaborar a título individual poden depositar os xoguetes na Casa do Concello, o Edificio de Servizos Múltiples ou no centro de formación Pablo Picasso.
Os requisitos dos xoguetes que pide Cruz Vermella son: que sexan novos sen estrear, non sexistas e non bélicos. Preténdese que os nenos que os reciban non cambien a súa ilusión por frustación.