A poboación de 18 a 60 anos de Culleredo será chamada a participar nun cribado masivo na procura de novos casos positivos por COVID-19. Trátase dunha medida que aplicará a Área Sanitaria da Coruña e Cee e que propuxo tamén o alcalde, José Ramón Rioboo, ao xerente, Luís Verde, ante a situación sanitaria actual.
O cribado terá lugar desde mañá, xoves 4 de febreiro, ata o domingo 14 nas instalacións do parque deportivo de Acea de Ama. Serán convocados 17.100 veciños e veciñas da franxa de idade de 18 a 60 anos mediante o envío de SMS aos seus teléfonos móbiles.
O horario de realización das probas será de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. O Sergas informa de que se empregarán tests de antíxenos.
A este cribado en Acea de Ama tamén están convocados outros 15.550 veciños de Cambre da mesma franxa de idade para realizalo de forma conxunta.
Rioboo quere agradecer a “excelente disposición” de Verde e o persoal da área sanitaria para atender as necesidades de Culleredo e informar en todo momento durante a pandemia.