O Concello de Culleredo está a elaborar o seu Plan de Movilidad Urbana Sostible. É unha das accións incluídas dentro do programa Culleredo Vivo, cofinanciado pola Unión Europea a través do FEDER.
Para realizar o Plan, coa intención de coñecer os hábitos de mobilidade da cidadanía, a consultora encargada do estudo propón a realización dunha enquisa. O Concello anima aos veciños para cubrila para así desenvolver o estudo con coñecemento real da situación actual.
Coa enquisa búscase realizar un diagnóstico fidedigno da situación de partida de Culleredo en canto á mobilidade e a accesibilidade. As tendencias que se obteñan servirán para articular as formulacións futuras da mobilidade no municipio e elección do escenario adecuado para lograr a consecución dos obxectivos xerais do Plan.
Na enquisa abórdanse asuntos como o principal medio de transporte usado e os motivos e pregúntase que modo de desprazamento é o desexado e que características debe ter. Tamén se descubrirán as tendencias de viaxes máis frecuentes entre os cullerdenses e os seus motivos para facelos.
Coa devandita información, os redactores terán unha base máis, ademais das análises técnicas, para impulsar a redacción do Plan. O PMUS englobará accións a adoptar en canto á mellora do transporte público, do aparcamento no municipio, as medidas nos espazos públicos para garantir a accesibilidade ou os itinerarios ciclistas, o incremento da seguridade viaria ou a supresión de barreiras.