O Concello de Culleredo retomará este verán os campamentos de conciliación tras o parón da tempada pasada por mor da pandemia. Nesta ocasión, coa regulación e limitacións especificadas por Sanidade, será posible ofrecer unha actividade moi demandada desde hai máis de 20 anos polas familias do municipio.
Serán, como é habitual, campamentos urbanos en horario de 9:00 a 14:00 horas, dirixidos para nenas e nenos de 3 a 12 anos de idade. Contarán coa opción de servizo de almorzo, de 7:30 a 9:00 horas, e de servizo de comida, de 14:00 a 16:00 horas. Desenvolveranse en CEIPs e polideportivos do municipio.
“O obxectivo é ofrecer unha alternativa de lecer educativo durante o verán”, resume a concelleira de Educación, Jéssica Méndez. E é que as actividades buscarán sempre a vertente educativa, abordando temáticas de máximo interese como o medio ambiente, a igualdade e, en xeral, os valores.
As restricións pola covid-19 xa están contempladas e a cociente de monitores por participantes
cumprirase estritamente. Ante calquera cambio, procederase a variar as condicións analizando o contexto vixente. Para os maiores de 12 anos, o Concello tamén planifica algunha actividade para a
tempada estival. Desde a área de Xuventude prepara obradoiros enfocados ao ámbito do deporte para o mes de xullo. Ampliarase a información nos próximos días.