O Concello de Culleredo clausurou hoxe no CEIP Vila de Rutis o programa “Perros y letras. READ España” de apoio a escolares con algún tipo de déficit na dicción, comprensión lectora e problemas de autoestima, no que participaron máis dunha vintena de escolares de febreiro a maio e de maneira telemática. Fíxoselles entrega ao alumnado dun diploma e un marcapáginas coas fotos das peludiñas.
Esta experiencia piloto desenvolveuse nos centros escolares de Culleredo CEIP Tarrío e CEIP Vila de Rutis, a través do cal se traballou con Nora, unha Golden de oito anos que axuda aos nenos e nenas nos cales se identificaron algún tipo de problema a nivel académico, e tamén con Dana, unha bóxer de cinco anos.
Nun contexto normal, as sesións tiñan unha duración de vinte minutos, e unha vez á semana e de maneira presencial. Os cans de sentan á beira do menor, para escoitar e reaccionar aos seus estímulos. Os pequenos len un libro e interactúan co animal. Isto repercute positivamente na súa motivación e na promoción das súas habilidades lectoras e de comprensión, ademais do aumento na relación social cos seus iguais.
Elixíronse cans de terapia porque son moi tranquilos e son capaces de estar todo o tempo deitados e pendentes da actividade dos nenos. Todos os cans deste programa pasan un exame cada dous anos para valorar que teñen unha tolerancia alta á tensión e así seguir traballando. Tamén se valora o vínculo que lle une ao seu guía, neste caso Laura González, coordinadora do programa na provincia da Coruña, á que acompañaba nesta ocasión Bárbara Bonachía.
Cada un dos nenos que participan teñen dificultades en distintos aspectos. Normalmente son seleccionados polo departamento de orientación, pero poden ser nenos con dificultades a nivel social, lectora e depende do que o departamento correspondente emita. Dan unhas pautas para traballar con eles e no futuro tamén se tratarán os problemas do TDAH e do autismo.
“Os nenos melloran sobre todo en lecto-escritura, a nivel de comprensión lectora, aumento de vocabulario, rapidez de lectura e sobre todo o que notamos é un aumento do autoestima. Son nenos que están a perder a seguridade en si mesmos ben porque teñen algunha dificultade que outros non teñen. Isto supón un empuxón, xa que non hai risas, non hai xuízos e todo é en positivo. Reláxanse e empezan a ler cunha maior fluidez”, comenta Laura.
“Foi un pouco diferente esta etapa porque durante o confinamento seguimos desenvolvendo o programa, pero a través dunha pantalla, a distancia”, comenta González, quen apunta que “estamos moi felices de que as nenas e nenos poidan despedir o curso coas cadelas aquí, de maneira presencial”.
A concelleira de Educación, Jéssica Méndez, apuntou que “quixemos contar con este programa en Culleredo porque funcionou moi ben noutros municipios e en máis de 500 centros de todo o Mundo. É unha maneira moi bonita de traballar con nenos que o necesitan e neste caso seguiremos fomentando que este tipo de iniciativas se leven a cabo no noso municipio”, comentaba a edila.
Pola súa banda, Beatriz López, orientadora do centro, sinalaba que “participamos neste programa de lectura asistida con cans desde febreiro ata maio, con 12 nenas e nenos de 3º a 6º de primaria, unha actividade que resultou tremendamente gratificante para os e as pequenos e pequenas”, argumentou. “Aos nenos e nenas deulles unha alegría inmensa velos en persoa, xa que dadas as circunstancias non puidera ser posible”.
Bótalle unha ollada ao que supuxo esta clausura no seguinte vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=1h-OD8OrJI4
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER