O Concello de Culleredo celebrará este ano unha nova edición do Burgojazz, que terá lugar durante os días 2 e 3 de xullo no Xardín Botánico. Daranse cita os grupos Mr. Cool & Ton Risco, Dixie Kings Feat Paty Lesta, O Intre e Habana Soul.
Mr. Cool & Ton Risco xúntanse despois de compartir escenario en múltiples ocasións, esta vez a dúo, cantando cancións que abarcan desde boleros a xéneros como o swing, a bossanova ou o calipso.
O elegante repertorio de O Intre transportaranos, a través de músicas populares de Brasil, Francia e países de Latinoamérica, ao principio do século pasado. Desde os tangos e boleros chegando ata o musette francés, engadindo temas de creación propia cun toque nostálxico.
Havana Soul está formada por músicos galegos e cubanos residentes en Galicia desde fai máis de vinte anos. Con este proxecto, queren render homenaxe a unha época e a unha maneira de entender e concibir o música pero cunha perspectiva do noso tempo. O espectáculo fusiona a música cubana co jazz, o soul e a música galega.
O sexteto DixieKings nace coa finalidade de introducir o público no Jazz máis tradicional, o Dixie que rememoran as bandas rueiras dos anos 10-20 cos seus inconfundibles desfiles. Entre o seu repertorio atópanse clásicos como Oh When The Saints go marchin in y Down By the Riverside entre outros.
A reserva de asentos poderase facer efectiva a semana dos concertos no teléfono habilitado 981 665 597. As entradas serán completamente gratuítas pero, seguindo as recomendacións sanitarias, a capacidade será limitada.
Os concertos comezarán ás 20:30 horas tanto o venres como o sábado, e desde a área de Cultura avanzan que “a decisión foi recuperar un evento xa asentado no noso municipio, no que se dan cita grandes figuras do panorama do jazz. A organización contará con estritos protocolos de seguridade e hixiene e esperemos que a celebración do Burgojazz sexa un primeiro paso para seguir dando un impulso á cultura tanto ao aire libre como en recintos pechados, sempre analizando o contexto vixente”, aseguran.