O Concello de Culleredo retoma este verán os campamentos de conciliación tras o parón da tempada pasada por mor da pandemia. Nesta ocasión, coa regulación e limitacións especificadas por Sanidade, foi posible ofrecer unha actividade moi demandada desde hai máis de 20 anos polas familias do municipio.
Nesta ocasión, a actividade reúne a uns 250 pequenos e pequenas de 3 a 12 anos de idade. Os campamentos desenvólvense no CEIP Vila de Rutis e no CEIP Sofía Casanova , en horario de mañá, coa opción de almorzo para os que o pediron.
“O obxectivo é ofrecer unha alternativa de lecer educativo durante o verán”, resume a concelleira de Educación, Jéssica Méndez, que visitou as actividades para comprobar como discorren. E é que as actividades buscarán sempre a vertente educativa, abordando temáticas de máximo interese como o medio ambiente, a igualdade e, en xeral, os valores.