O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, recibiu na mañá de hoxe ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na súa primeira visita oficial ao Concello. Acudiu xunto coa subdelegada na Coruña, María Rivas, para abordar asuntos clave para o municipio de acordo co Goberno do Estado.
A nivel de infraestruturas, a construción do Vial 18, que comunicaría a autoestrada AP-9 coa Terceira Rolda foi un dos temas principais. O alcalde explicou que o Concello presentou diversas alegacións para que a estrada dea servizo aos veciños de zonas como o Monte Alfeirán, Castro Laxe ou Vilaboa mellorando a súa mobilidade, e tamén para minimizar o impacto da vía.
“Pedimos un esforzo ao Estado para garantir as comunicacións para os nosos veciños”, sinalou Rioboo. O delegado do Goberno manifestou que as propostas municipais incorporaranse no modificado do proxecto que se está tramitando para que o vial “sexa acorde ás necesidades do Concello”. Miñones avanzou que se espera dispoñer do proxecto cambiado no último trimestre do ano.
A rexeneración da ría do Burgo é unha das actuacións máis desexadas en Culleredo desde hai anos. O delegado informou ao alcalde de que, unha vez realizada a adxudicación por 32 millóns de euros, as obras de dragaxe empezarán a partir de setembro deste ano.
Outro asunto da reunión radicou no plan de recuperación das naves da antiga Fábrica La Cros no Burgo. Rioboo solicitou o apoio do delegado do Goberno para buscar o financiamento necesario para converter o enclave nun epicentro de actividade. “Temos o firme compromiso do goberno municipal de recuperar La Cros e estamos a falar con todas as administracións e con entidades para implicalas”, sinalou o rexedor.
Rioboo mostrou as naves a Miñones e Rivas, que coincidiron na idoneidade de rexeneralas e abrilas ao público ao estar nun enclave perfecto. A idea para por combinar un uso de investigación, economía circular e coworking coa creación de espazos culturais.
Finalmente, o delegado apuntou o investimento de 80 millóns de euros en actuacións situadas en Culleredo por parte do Goberno do Estado. Inclúe, ademais da ría e o Vial 18, a renovación do asfaltado da pista do aeroporto de Alvedro. Sobre o aeródromo, o primeiro edil fixo fincapé na intención compartida de que calquera actuación nel sempre pense nos afectados e nas vías para minimizar a afección.
Rioboo e Miñones coincidiron na “excelente sintonía” do encontro e mostráronse dispostos a seguir traballando na dirección de “poñer a Culleredo no lugar que lle corresponde na área metropolitana”.
A visita concluíu coa firma do delegado do Goberno no Libro de Ouro do Concello de Culleredo.