Planificar diversas melloras nos centros educativos do municipio e concretar novas actuacións de cara ao futuro foron os obxectivos da reunión mantida polo alcalde, Julio Sancristán, co delegado provincial de Educación, José Manuel Mouriz Cabalo.
Durante o encontro, o responsable de Educación confirmou ao primeiro edil que dentro da programación da Consellería para o 2008 está incluída a construción dun novo Instituto de Educación Secundaria, tal e como solicitara o goberno local.
O centro estará situado nos terreos da antiga Universidade Laboral, na zona da avenida de Rutis. O lugar foi elixido e acordado entre o Concello e a Xunta por estar situado no centro da zona urbana do municipio.
Entre as peticións realizadas para outros centros escolares por parte do goberno local, o primeiro edil instou a Educación a axilizar as obras de construción das novas aulas de Infantil do colexio Sofía Casanova.
O primeiro edil pediu ao delegado que os traballos axilícense ao máximo, posto que ao ritmo que se desenvolven nestes momentos as obras non estarían rematadas nin para final de ano. Neste sentido, como complemento a esta actuación, o primeiro edil demandou a construción dunha pasarela cuberta que unha os dous edificios escolares do Sofía Casanova (o novo aulario de Infantil coas antigas instalacións).
Para o colexio Isaac Díaz Pardo, o alcalde suxeriu á Consellería que habilite unha nova zona no centro para distintas actividades tendo en conta a redución de espazos que sufriu o colexio coa posta en marcha do comedor.
En Tarrío as peticións municipais céntranse no acondicionamento de máis aulas de Infantil e a reordenación de espazos tendo en conta o importante aumento de escolares coa posta en marcha do ciclo de Infantil.
Para rematar, no Ría do Burgo, as peticións municipais consisten na que instalación dun beirado perimetral ao centro escolar para ampliar a superficie cuberta tendo en conta a limitación de espazos que sufriu o centro pola posta en marcha do servizo de comedor con dúas quendas. Esta actuación completaría a que levará a cabo o goberno local coa construción dun patio cuberto. Neste mesmo centro estanse executando diversos traballos de eliminación de humidades no ximnasio.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER