Vilas en Flor Galicia é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
Unha representación do xurado do Vilas en Flor visitará Culleredo o vindeiro luns, 27 de setembro, para valorar os espazos verdes do municipio.
O interese e compromiso do Concello de Culleredo en materia de educación cidadá a través de obradoiros fai que forme parte das Vilas en Flor galegas.
O xardín botánico que posúe na ría conta un gran valor paisaxístico e destaca, así mesmo, unha zona axardinada de especial valor por posuír un exemplar de ombú.
Ademais, Culleredo é moi activo en materia de xestión da paisaxe. Destaca os obradoiros continuos da Infraestrutura Verde da área da Coruña que levan a cabo coa Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, a Consellería de Medio Ambiente e ordenación do Territorio, a Fundación Juana de Vega e o Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Entre os proxectos de Culleredo tamén chama a atención a formación para a sustentabilidade ambiental de plantación e produción de horticultura ecolóxica nos hortos urbanos do Xardín Botánico Ría do Burgo e a posta en valor da parroquia de Celas e do Monte Xalo, co obxectivo de deseñar actuacións para poñer en valor este territorio, desde o seu potencial ambiental.