O Concello de Culleredo continúa a súa firme aposta pola cultura accesible e a difusión da mesma ás novas xeracións coa coprodución de “Alma de tigre”, a nova creación da compañía Elefante Elegante e terceira coprodución do Concello de Culleredo.
Gonçalo Guerreiro, á fronte da creación, dirección de escena e escenografía, e María Torres, responsable da dirección artística, comandan novamente un proxecto concibido a partir dunha lóxica simbólica e onírica, da man de Julia Laport, Pablo Sánchez, Mario Rodríguez, Carolina Díguele, Nacho Martín, Diego Valeiras, Manuel Fonte e Sabela Domínguez.
“Alma de tigre” é unha fantasía revelada a partir da historia de tres irmáns onde a memoria, os afectos, a herdanza e o futuro dan vida á obra. A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, vanse revelando todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral.
O absurdo, o ridículo e poderoso efecto cómico das situacións creadas esconden un fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma. Está destinada ao público maior de 12 anos e a posta en escena materialízase en forma de pintura viva inspirada en autores tan diversos como Gustav Klimt, Sandro Botticelli ou Caravaggio.
Ao longo da obra, os actores e actrices crean repetidos momentos de fantasía e ilusión contrapesados coa súa deriva grotesca, partindo do principio de que a vida é un soño que facilmente se pode transformar nun pesadelo.
Os directores da obra, Gonçalo Guerreiro e María Torres, comentan que esta obra “nace desde a idea da familia, a través da que queren transmitir que non hai un modelo ideal e que todo se basea nas relacións que poidan facer que un núcleo sexa feliz”, ao que tamén suman o “orgullo de poder traballar en algo que amamos e do que o Concello de Culleredo tamén é parte”.
As concelleiras de Educación e Cultura, Jéssica Méndez e Penélope López, quixeron tamén agradecer “a implicación de Gonçalo, María e todo o elenco de artistas que forman parte de ‘Alma de tigre’ para contribuír á dinamización da cultura e facer posible achegar ás novas xeracións que existen moitas formas de entretemento e o teatro é unha aposta segura con Elefante Elegante”.
Os escolares de Culleredo, en primicia
Durante o mes de marzo e o primeiro día de abril, o alumnado do IES Branco Amor, IES Rego de Trabe e o Centro Ocupacional A Escada serán testemuñas de excepción dos primeiros pases de “Alma de tigre”. O que se busca con estas sesións é achegar ás novas xeracións unha programación cultural adaptada á realidade social e que busca a difusión de novas maneiras de entretemento entre as e os máis novos.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER