O Concello de Culleredo pon en marcha o ciclo de faladoiros e charlas 2022 cun coloquio para todas as persoas interesadas baixo o título “Consumidores: onde e como reclamar?”. Celebrarase este venres, 25 de marzo, ás 11:30 horas na Sala Emilia Calei de Sagrada Familia, en Vilaboa.
Estará impartido pola técnica en consumo da Federación Galega Euroconsumo e servirá para que as persoas asistentes poidan informarse e resolver as súas inquietudes a este respecto, así como ser coñecedores dos seus dereitos como consumidores e consumidoras.
Máis adiante, e debido á problemática da subida dos prezos da enerxía, está prevista a organización dun coloquio orientado ao asesoramento para as posibles reclamacións na factura eléctrica.