4.491 euros. Esa é a cifra que, tras o concerto-maratón solidario de onte, conseguiron recadar as oenegués organizadoras para destinar esta cantidade á axuda humanitaria ao pobo ucraíno.
Máis de 100 músicos déronse cita no Conservatorio de Música de Culleredo, onde se foi renovando o público e onde se intercalaron as leccións mestras de artistas da talla de Barbara Switalska ou Marianna Prevalskaja con alumnas e alumnos do centro.
A cita arrincaba cun momento didáctico a cargo de Abraham Cupeiro, quen a través de varios instrumentos de vento, descubriu o lado máis amable da música, conseguindo arrincar algunha que outra gargallada entre o público.
Susana López e Marcos Seoane foron os encargados de conducir un acto que estivo marcado pola emotividade. Varias das familias que chegaron recentemente a Culleredo desde o país ucraíno presenciaron parte do recital. “Estas familias xa son desde hoxe tamén un pouco a nosa. É difícil conter a emoción ante unha situación como esta, e a música de hoxe será a demostración de que a paz é o único camiño”, dicía Susana, do departamento de Servizos Sociais do Concello.
Os membros da Coral de Maiores do Concello de Culleredo tampouco faltaron á cita, prestando as súas voces para unha boa causa. O público sobrecolleuse co testemuño de Grigori Nedobora, violinista ucraíno, quen relatou as súas vivencias en primeira persoa e executou unha peza ad hoc, con título “Emigrantes celtas”.
Desde o Concello de Culleredo queren agradecer unha vez máis que “Culleredo fose exemplo ante a adversidade e que hoxe sexamos un exemplo de solidariedade en toda Galicia”, destacando a implicación de “tódalas persoas que participaron, alumnado, músicos e músicas, voluntarios, oenegués e departamento de Servizos Sociais”.