- Será a XXI edición deste evento musical, que se celebrará do 1 ao 4 de xullo.
Os grupos Zumaque Trío e Zafra postúlanse como novas confirmacións para o domingo de Burgojazz, o evento musical que esta edición cumprirá vinte e un anos e celebrarase do 1 ao 4 de xullo no Xardín Botánico de Culleredo.
Zumaque Trío é unha formación integrada por tres músicos afincados en Compostela, cunha longa traxectoria nos seus ámbitos musicais. A harpista británica Bleuenn Lle Friec, cunha dilatada experiencia na música sinfónica; o contrabaixo Alfonso Calvo, vinculado a múltiples proxectos de jazz e as músicas improvisadas, e o clarinetista Pablo Pascual, que desenvolveu a súa carreira en diversos ámbitos, pero sempre comprometido coa música tradicional.
Propoñen un percorrido por diferentes ritmos da música tradicional cunha absoluta renovación estética, e cun importante espazo para a creación espontánea e a improvisación. O trío pon en valor e dinamiza estruturas e harmonías da música tradicional, cun timbre novidoso e uns arranxos coidados.
Pola súa banda, Zafra é unha agrupación musical residente na Coruña cun repertorio orixinal que abarca diferentes estilos do jazz e da música actual. Compóñeno Carlo Santos, William Díaz, Sergio Delgado, Miguel Cabana e Exle Ramos.