O Concello de Culleredo presentou esta mañá a Cullerciencia, que se celebrará o próximo 18 de xuño no Paseo Marítimo do Burgo, de 11:00 a 20:00 horas. Esta idea emana do propio alumnado. Contará con varios espazos diferenciados. Haberá unha área de exposicións destinada ao alumnado, para que mostre as súas creacións científicas. E outro para as institucións. Programaranse charlas de ciencia, con personalidades do ámbito. Será o caso de Jorge Mira ou de Margarita Poza.
Está prevista a participación de 10 colexios e institutos de Culleredo e municipios da contorna. Tamén acudirán centros de Murcia, Sevilla e As Palmas, polo que xa terá un carácter nacional. E acudirán diversas entidades relacionadas coa ciencia, como o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), a Universidade da Coruña, a Cátedra Emalcsa, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, así como asociacións científicas.
Doutra banda, dispoñeranse diversos espazos, destinados ás exposicións dos proxectos dos estudantes, ás institucións que asistan ao mesmo, ás charlas, á zona steam, á zona de radio, ao comedor e aos talleres. Tamén se dispoñerán baños públicos, fontes, un punto de información, unha área para protección civil e unha sala de lactación.
Á presentación do acto acudiron o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; a concelleira de Educación, Jéssica Méndez; o director do centro, Vicente Muñoz; a secretaria do mesmo, Eva García e Óscar Lamiño, coordinador do club de ciencia do CEIP Ría do Burgo.
O rexedor quixo destacar que “é unha honra para Culleredo acoller un evento destas características, xa que ademais de ter un carácter divulgativo, será tamén lúdico, e esa é a característica realmente importante: que as nenas e nenos poidan gozar aprendendo, e aprender gozando”, dixo Rioboo.
Doutra banda, a concelleira de Educación, Jéssica Méndez, destacou “o gran traballo de toda a comunidade educativa para facer realidade un programa que vén para quedar”.
Así mesmo, quixeron mostrar os seus agradecementos tanto Vicente Muñoz como Óscar Lamiño, tanto “ao Concello como ás nenas e nenos, que están realmente ilusionadas e ilusionados”, destacaron, facendo fincapé en “o nivel que atesourará esta primeira cita, con personalidades da talla de Margarita Poza, Jorge Mira ou Sonia Villapol”.