O Concello de Culleredo adxudicou a actuación de mellora viaria no núcleo de Laxe, parroquia de Rutis. Concretamente, renovaranse as vías VP-23 e VP-29, por un valor de 162.490 euros.
O Concello intervirá na totalidade da súa lonxitude, que ten 1.730 metros de longo e 6,5 metros de ancho. Abarcará desde o núcleo ata a residencia universitaria, comprendendo toda a subida desde Vilaboa ata a rotonda da Zapateira, sobre a AC-14.
As principais liñas de traballo deste proxecto céntranse nos aspectos de modernización de pavimentos, eliminación de fochancas, execución de labores de conservación e mantemento, mellora da drenaxe, reposición dos servizos afectados polas obras e renovación da sinalización.
Previamente, están contemplados traballos de limpeza de bordos e varrido do firme existente nesta vía, así como o fresado do pavimento actual nas ligazóns con outras rúas adxacentes.