O Concello de Culleredo dá un paso máis na humanización de Vilaboa coa licitación por 391.859,51 euros das obras de mellora da intersección da antiga N-550, que agora é de titularidade municipal, coas rúas Alcalde Domingo Sierra, Xafonte, Calzada e Vicente Risco. Está incluída nas obras financiadas polo Plan Único da Deputación da Coruña.
O goberno municipal aposta por unha modernización completa da intersección e a urbanización da contorna nas vías que desembocan no cruce. Para mellorar a circulación e aumentar a seguridade viaria, proxéctase a construción dunha ligazón en forma de glorieta, que dispoñerá dun único carril anular de 6 metros e unha beiravía de 1 metro.
O Concello rexenerará o interior da glorieta mediante a plantación de árbores e de céspede natural. Melloraranse os itinerarios peonís dotando de maior ancho ás beirarrúas e acondicionaranse os vaos nos pasos de peóns de acordo con os criterios de accesibilidade.
Outro dos puntos clave da actuación será o paso elevado sobre a AP-9. Alí ampliaranse as beirarrúas e renovaranse as proteccións laterais coa instalación de novas pantallas antivandálicas.
Tamén se mellorarán as redes municipais de saneamento, pluviais e renovaranse as instalacións semafóricas e a iluminación pública con tecnoloxía a LED, reducindo así o consumo enerxético. Ademais, reforzarase a iluminación nos pasos de peóns. Inclúese, á súa vez, a dotación de novo mobiliario urbano (bancos, papeleiras e xardineiras) potenciando a estética da contorna.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, sinala que este proxecto demostra “novas medidas reais” para “unha Vilaboa do futuro moderna e segura”. Este proxecto únese aos outros dous actualmente en execución por parte do Concello: a humanización entre a praza da igrexa e a AP-9 e a intersección mediante glorieta da avenida de Vilaboa fronte a dita praza da igrexa.
Rioboo destaca que en todos estes proxectos de modernización de Vilaboa mantense o “denominador común” de xerar unha contorna “accesible, con zonas verdes, mobiliario e novos servizos” para contribuír “ao incremento da calidade de vida”.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER