O Concello de Culleredo incluirá unha partida de 226.108,62 euros nos orzamentos municipais 2023 para remodelar a estrada VP-501, que une o núcleo de Folgueira co Monte Xalo. Trátase do principal acceso á contorna.
Está previsto que esta semana, se as condicións meteorolóxicas o permiten, se leven a cabo tarefas de rebacheo, para emendar as deficiencias que presenta o firme. Serán uns traballos para dar unha solución provisional mentres non comecen os traballos de renovación.
Co proxecto que xa dispón a Administración local, a idea é, ademais de optimizar as condicións do firme, mellorar a seguridade nesta estrada, instalando biondas nas zonas máis perigosas, así como a correspondente sinalización luminosa e indicacións pintadas en superficie.
Actuarase no total da lonxitude da vía, que conta con 2.520 metros de longo e un ancho medio de 5,2 metros. Tamén se mellorará a drenaxe e desenvolveranse tarefas de conservación e mantemento.
A idea coa que xa traballa o goberno local é efectuar un intercambio coa Deputación da Coruña na titularidade de varias vías. O ente provincial conta na súa rede de estradas con varias que son de uso local. E á súa vez, o Concello dispón de vías como esta de acceso ao Monte Xalo, con notables características de ámbito máis provincial que municipal.
De feito, a estrada desde a N-550 en Tabeaio (Carral) ata Folgueira si que é da Deputación, mentres que a mencionada continuación cara ao Xalo é do Concello.
“Esta é desas estradas de carácter supramunicipal, que encaixan na visión de cedelas a outras administracións, como neste caso á Deputación, e que aquelas de ámbito local e urbano nos sexan traspasadas a nós”, sinalan desde o executivo.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER