O Concello de Culleredo avanza na modernización da antiga Nacional 550, unha vez obtivo a súa cesión por parte do Estado, para convertela en avenida urbana. Ás obras que se están acometendo actualmente en Vilaboa, súmase a renovación da vía ao seu paso pola Corveira, que hoxe sae a licitación.
Trátase dunha actuación cun orzamento de 271.773,60 euros. O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, explica que o obxectivo do plan é “incrementar a seguridade viaria nunha zona con elevada circulación pero de carácter residencial”, ademais de mellorar a contorna “pensando nos veciños e veciñas”.
O tramo da actuación comprenderá entre o cruce da N-550 con Alcalde Electo Carballo, no Portádego, e a avenida de Vilaboa. É dicir, entre os puntos quilométricos 4,150 e 4,709.
Por unha banda, nas actuais superficies cebreadas que exercen de separación de carrís executaranse novas medianas verdes, logrando unha separación do tráfico, ademais do embelecemento xeral. As grandes contarán con árbores e as máis pequenas, con arbustos perennes. Contarán con rede de regadío para o seu mantemento e conservación.
Doutra banda, rehabilitarase o firme xa que se detectaron tramos con deterioramento. E renovará a sinalización horizontal e vertical da avenida. Tamén se variará a rede de sumidoiros no cruce coa rúa Xesús Rey Martínez. E prevese o recrecido de pozos e arquetas en todo o ámbito de actuación.
Rioboo sinala que as actuacións se enmarcan no plan de rexeneración urbana que o Concello quere aplicar en todas as parroquias. “Hai que facer que os centros das parroquias se modernicen e adapten ás necesidades actuais da cidadanía”, expresa.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER