O Concello de Culleredo, no marco de creación, renovación e mellora das infraestruturas municipais, propón realizar unha serie de actuacións dirixidas á renovación das rúas e pavimentos.
Tendo en conta este contexto, desde a Administración local anúnciase a licitación por 258.128,57 euros das vías Visitación de la Encina, Poeta Luz Pozo, Avenida de Ribados e Gumersindo Pereira Nouche.
O obxecto das obras é a mellora das beirarrúas ao longo da zona de actuación, ampliándoas nos puntos nos que así se considera necesario. Ademais, tamén é obxecto deste proxecto a renovación do pavimento existente e a redistribución do tráfico ca fin de conseguir aumentar as prazas de aparcamento.
Así, proxectouse unha rexeneración da zona mediante a renovación dos pavimentos das beirarrúas e a calzada; a reposición dos servizos municipais deteriorados; a renovación do mobiliario urbano e das zonas verdes e a adaptación dos itinerarios peonís á normativa de accesibilidade vixente. Ademais, ca finalidade de fomentar a fluidez do tráfico e optimizar o número de prazas de aparcamento na zona, redistribuiranse os sentidos de circulación nas rúas obxecto deste proxecto, modificando o sentido de circulación en Gumersindo Pereira Nouche e dotando de sentido único a Visitación de la Encina e Poeta Luz Pozo.
Na Avenida de Ribados retranquearase o eixo da calzada, de forma que se poida ampliar a beirarrúa da marxe esquerda, favorecendo un itinerario peonil amplo e seguro para os usuarios da contorna. Debido a isto, substituiranse os aparcadoiros en batería ao lado dereito por zonas de estacionamento en liña.
En Visitación de la Encina, dado que se proxecta un único sentido da circulación en toda a vía, ampliarase a beirarrúa no tramo comprendido entre Avenida de Ribados e Gumersindo Pereira Nouche. Manterase a zona de aparcadoiro en liña e en batería ao lado esquerdo. No tramo final da marxe esquerda, entre Gumersindo Pérez Nouche e Poeta Luz Pozo, ampliarase a beirarrúa para dotala dun ancho accesible. Tamén se crearán seis prazas de aparcamento nese lado, manténdose as prazas da marxe dereita.
De igual forma, ao suprimirse un sentido de circulación en Poeta Luz Pozo, ampliarase a beirarrúa e formarase unha orella na súa intersección coa rúa Visitación de la Encina, mellorando a seguridade viaria do paso de peóns existente. Tamén se pensaron aparcamentos en liña ao lado esquerdo.
Finalmente, na rúa Gumersindo Pereira Nouche realizarase unha renovación dos pavimentos ao longo de toda a rúa, tanto das beirarrúas como da calzada.
No que se refire á rede de pluviais, deberán ser renovados os canlóns existentes na zona de actuación e todos os sumidoiros. Tamén será necesaria a instalación de novas reixas en certos puntos da obra. Ademais será necesario completar a rede de drenaxe mediante a execución dun novo colector de 22 metros no lado dereito de Visitación de la Encina.
Por outra banda, actuarase na rede de iluminación, retranqueando os puntos existentes e adaptándoos á nova xeometría proxectada. En Avenida de Ribados renovaranse as columnas e luminarias, e instalaranse acorde aos puntos de luz colocados recentemente. No resto da zona de actuación, retiraranse as luminarias existentes e instalaranse novas en LED. Tamén se contempla a canalización da iluminación pública ao longo de toda a obra.
Noutro ámbito de intervención, renovaranse as marcas viarias. A sinalización horizontal consistirá no pintado dos bordos da calzada con liña de 10 centímetros de ancho, continua ou descontinua segundo corresponda; liña amarela de 15 centímetros de ancho e a execución dos símbolos e cebreados pertinentes. En canto á sinalización vertical, colocaranse elementos de aceiro galvanizado cunha altura mínima de 2,20 metros.
Desde o Concello de Culleredo tamén se propón a renovación do mobiliario urbano e as plantacións, con bancos de madeira e aceiro inoxidable, papeleiras, varandas metálicas onde así se requira, aparcabicicletas e novas especies arbóreas.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER