O Concello de Culleredo celebrou esta mañá o seu tradicional Pleno infantil, unha sesión na que centrou a atención a guerra de Ucraína e a conmemoración de datas como o Día da Infancia ou o 25N.
A alcaldesa infantil, Vera Lema Lijó, do CEIP Ría do Burgo, quen comezou o seu discurso focalizando a atención na necesidade de dar visibilidade a determinados colectivos para así poder conseguir “o avance social que necesitamos nun contexto difícil”, o problema que representa o cambio climático ou a preocupación da súa xeración ante a guerra de Ucraína, deu a benvida a todas as persoas asistentes.
A actividade, que alcanza este ano o seu vixésimo segunda edición, reuniu nesta ocasión a 245 escolares de 6º de Educación Primaria dos CEIP Vila de Rutis, Ría do Burgo, Plurilingüe de Tarrío e Isaac Díaz Pardo. Participaron na mesma o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, e a edila de Educación, Jéssica Méndez.
Na sala, cada centro contou tamén con nenos e nenas dedicados á cobertura mediática do mesmo, especialmente no ámbito fotográfico. Retransmitiuse en directo a través da canle oficial de Youtube do Concello de Culleredo.
O Auditorio do IES Universidade Laboral acolleu este particular órgano, e o encargado de abrir o mesmo foi José Ramón Rioboo, quen deu a benvida “a todas as alumnas e alumnos” e mostrouse “absolutamente encantado de poder estar hoxe aquí con todas e todos vós, non que para min é unha gran motivación: poder escoitar as vosas demandas como parte fundamental do municipio de Culleredo”.
Abriron a quenda de intervencións os representantes do “grupo político” do CEIP Vila de Rutis expoñendo o tema do arranxo dos espazos de lecer do municipio para nenas e nenos, a ter en conta parques, pistas deportivas, etc.
En segundo lugar, tomaron a palabra os e as representantes do “grupo político” do CEIP Plurilingüe de Tarrío para propoñer a votación a adecuación de espazos públicos e elementos exteriores de uso común ás necesidades actuais do concello de Culleredo.
Posteriormente, os e as representantes do “grupo político” do CEIP Sofía Casanova consideraron para debate e posterior votación a conservación e limpeza do patrimonio artístico-cultural, as instalacións públicas e o medio natural.
En cuarto lugar, os e as representantes do “grupo político” do CEIP Isaac Díaz Pardo levaron ao Pleno a creación dun centro de lecer xuvenil no concello de Culleredo.
Para terminar, o “grupo político” do CEIP Ría do Burgo considerou expoñer a posible creación do servizo BICICULLEREDO e a adecuación das infraestruturas viarias para un uso seguro do mesmo.
Puntos máis votados
A proposta máis votada foi a levada a Pleno polos e as representantes do Vila de Rutis: o arranxo de espazos de lecer do concello para os nenos e nenas, con 15 votos favorables, seguida da do alumnado do Isaac Díaz Pardo, no referente á creación dun centro de lecer xuvenil no concello, con 9 votos a favor, e en terceiro lugar, a do Sofía Casanova, cuxos representantes propoñían a conservación e limpeza do patrimonio artístico-cultural, instalacións públicas e o medio natural, con seis votos favorables.
Rogos e preguntas
Durante esta quenda, un vogal de cada colexio presentou un rogo ou pregunta na sesión. Tomou a palabra o Vila de Rutis para demandar colaboración e poñer así en marcha un horto escolar no centro.
Por parte do CEIP de Tarrío, o seu vogal demandou ao alcalde, José Ramón Rioboo, e tras superar a pandemia, que se volva a facer a programación de actividades educativas ao comezo
do curso escolar. A realización de obras de mantemento e a reparación nos colexios de Culleredo fo o rogo que fixeron os alumnos e alumnas do Sofía Casanova.
Por último, o Ría do Burgo comentou a necesidade infraestrutural dunha pasarela cuberta para desprazamentos desde o centro ao polideportivo anexo “sen mollarnos”. Respecto a este último rogo, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, comentou que a semana que vén manterá unha reunión na Xunta de Galicia para tratar, entre outros, este tema, xa que aínda se carecen de todos os permisos para poder acometer esta intervención.
O primeiro edil agradeceu “as propostas de todos os grupos políticos” no que considerou un Pleno “moi gratificante e didáctico, que sen dúbida esperta as necesidades que temos en Culleredo”.
Rioboo remarcou “o exhaustivo traballo que fixestes, medindo moi ben o pulso nun municipio que, de todos os de Galicia, é o que máis nenas e nenos escolarizados ten, e polo que comentades hoxe nesta sesión, temos que facer fincapé e analizar detidamente as propostas para realizar as melloras que demandades”.
O rexedor cullerdense terminou facendo fincapé en “ese punto, que contou con 15 votos favorables e que sen dúbida ten que ser tida moi en conta, polo que tanto eu como o noso equipo esforzarémonos ao máximo para cumprir co que é a nosa responsabilidade”.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER