O Concello de Culleredo, a través da concellería de Maiores, despediu esta mañá o programa ‘Volta activa’, cuxo obxectivo primordial era o de achegar ás veciñas e veciños as rutinas sinxelas para a práctica do exercicio diario, fomentando así hábitos saudables.
Deron comezo o pasado 16 de novembro e clausuráronse hoxe en Celas, venres 13 de xaneiro, enmarcadas no Programa Municipal de Sanidade e Calidade de Vida das Persoas Maiores e cun gran éxito de convocatoria.
Cun carácter interxeracional, estivo dirixido ás persoas adultas do municipio, de todas as idades, para promover a práctica do exercicio cun carácter preventivo para a saúde física pero tamén mental, e cunha perspectiva motivadora e para incorporarse en diante ás novas actividades de grupo deste tipo, ou ben continuar con esta boa práctica por conta propia durante o resto do ano.
Os obxectivos que se traballaron durante as sesións estaban dirixidos a xerar patróns de movementos saudables, aplicables á vida cotiá, e a poñer en práctica exercicios básicos que hai que ter en conta á hora de facer deporte, como estiramentos, relaxación, etc.
Tamén se encamiñaron a coñecer distintas disciplinas e alternativas de actividade física, así como facer un uso apropiado dos equipamentos dos parques biosaudables, descubrindo as posibilidades que a contorna nos ofrece para este fin.
Esta actividade era completamente gratuíta, e constou dunha sesión semanal nos seguintes espazos:
- Os luns de 11 a 12 horas no centro social municipal de Fonteculler.
- Os martes de 11 a 12 horas no Parque da Torre de Celas.
- Os mércores de 11 a 12 horas en Tarrío, no Centro Social ‘Ou noso lareira’.
- Os xoves de 11 a 12 en Sueiro, no centro social municipal.
- Os venres de 10 a 11 no Burgo, no parque biosaudable do Paseo Marítimo e de 11:30 a 12:30 horas en Vilaboa, no Pazo de Vila Melania.
A concelleira de Maiores do Concello de Culleredo, Susana Amor, destacou “a gran afluencia de veciñas e veciños do noso municipio que quixeron participar no programa e que amosaron en todo momento vontade plena para desenvolver novas habilidades e coñecementos á hora da práctica do deporte”, engadindo que “isto nos congratula porque queremos que sexa unha tendencia á alza e todo pasa por asentar este tipo de actividades”.