O Concello de Culleredo, a través da concellaría de Educación, retoma o programa "Perros e letras” de READ España, que esta vez se desenvolverá nos centros públicos CEIP Plurilingüe de Tarrío, CEIP Vila de Rutis e CEIP Plurilingüe Ría do Burgo.
Desde que se implementase en 2020, en pleno estado de alarma e onde as sesións eran telemáticas, será o terceiro ano consecutivo que se leve a cabo. As protagonistas serán, novamente, Dana e Nora, unha bóxer e unha labrador que xunto a Laura González, coordinadora do programa en Galicia, e Bárbara Bonachía, profesional do equipo na provincia da Coruña, axudan ás pequenas e pequenos a estimular as habilidades lectoras, especificamente con aqueles e aquelas que presentan algún déficit na dicción e a comprensión ao ler, cos conseguintes problemas de autoestima.
Elíxense para isto cans de terapia porque son moi tranquilos, capaces de estar todo o tempo deitados e pendentes dos pequenos. Todos os animais deste programa pasan un exame cada dous anos para comprobar que a súa tolerancia o estrés sexa alta. Tamén se valora positivamente o vínculo que lle une ao seu guía.
Cada un dos nenos e nenas que participan en "Perros y letras” teñen dificultades en distintos aspectos. Normalmente son seleccionados polo departamento de Orientación de cada centro, e poden ser tanto a nivel social, de lectura, ou de comprensión, como sinalabamos anteriormente. No futuro tamén se tratarán os problemas do TDAH e do autismo.
Tras dous anos desenvolvendo o programa en Culleredo, tense comprobado que os nenos e nenas que participan melloran sobre todo en lecto-escritura, a nivel de comprensión lectora, aumentan o vocabulario, a súa rapidez lendo e tamén incrementan a súa autoestima.
A concelleira de Educación, Jéssica Méndez, sinala que “seguiremos apostando por este programa en Culleredo porque está a demostrar ser diferencial no noso municipio, así como o foi en máis de 500 centros de todo o Mundo. É unha maneira moi bonita de traballar coas e cos pequenos, aspecto fundamental que nos anima a seguir”.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER