Culleredo acolle a segunda reunión intermunicipal coa Laracha, Arteixo, Carballo e A Coruña

Culleredo acolleu esta mañá a segunda reunión de carácter intermunicipal coa Laracha, Arteixo, Carballo e A Coruña para definir os temas e desafíos que, de maneira conxunta, cren que se debe incorporar ao debate da súa propia estratexia territorial.

Acudiron José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo; Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo; Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; José Manuel López, alcalde da Laracha e membros do equipo técnico dos municipios representados.

Nun primeiro termo, a reunión orientouse cara á resposta dun cuestionario base sobre as necesidades que advirten os mandatarios dos municipios que se reuniron esta mañá en Vila Melania.

Así, A Coruña advirte que se necesita unha mellora na mobilidade inter metropolitana, tanto desde a cidade cara aos municipios lindeiros e viceversa; a creación de corredores verdes e de protección medio ambiental que conecten estes cinco concellos e, por último, o tema do chan industrial.

Culleredo, pola súa banda, sumouse en parte a estas propostas, facendo fincapé ademais na procura da oferta de servizos municipais conxuntos, xa que sería isto o que “equipararía de verdade” á cidade e os municipios lindeiros e que “abarataría custes” nun curto e medio prazo, en palabras do rexedor cullerdense.

A Laracha, pola súa banda, tratou como tema importante tamén o da mobilidade, tratada xa na primeira reunión, tanto de veciñas e veciños como nos desprazamentos profesionais. Mellorar as comunicacións A Laracha, Carballo e Arteixo coa cidade e a área metropolitana “é para nós unha prioridade”, asumía o alcalde da Laracha, que tamén incorporou ao debate o tema do abastecemento de auga, xa que “aínda que nestes momentos non existe necesidade, dadas as choivas das últimas semanas" si que pode representar un problema evidente no futuro, así como o da fibra óptica, “xa que vemos que é unha necesidade imperiosa en todos os niveis de vida”.

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, sumouse aos seus homólogos na necesidade de “lograr un documento conxunto para reflectir por escrito unha liña de traballo unificada”, así como a importancia de “a nivel administrativo, os problemas de cubrir prazas vacantes, designación de prazas”, crendo que é algo que “debería tamén estar recolleito”.

Facía mención tamén Ferrero aos ámbitos de servizos social e mobilidade. “Neste último obsérvase un mellor uso do transporte metropolitano, pero debería haber outro tipo de frecuencias”, e poñía o exemplo das conexións Carballo-Santiago en autobús, existindo soamente dous traxectos de ida e dúas de volta cada día.

Nunha última quenda de primeiras intervencións, Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo, sinalou as grandes oportunidades que existen en materia de conexións litorais “á hora de conectar Carballo con Culleredo, desde Baldaio poder chegar a Caión, Barrañán, Bens… ou mesmo ao Paseo do Burgo é unha potencialidade nunca vista en Europa”, sinalaba o edil arteixán.

En materia de mobilidade, compartiu o exposto nesta segunda reunión, “e se cadra iría un pouco máis aló; nós dentro do noso desenvolvemento compramos tres buses eléctricos e estamos a desenvolver o transporte entre parroquias”, abrindo a man para “facelo extensible a territorios limítrofes, buscando unha complementariedade”.

Posteriormente, sucedéronse as conversacións sobre as principais demandas e problemas que teñen lugar nos municipios cuxos representantes acudiron á reunión. Infraestruturas deportivas, servizos sociais, atención temperá ou atención á terceira idade foron os ámbitos que ocuparon, maioritariamente, este segundo punto.

 

Boas prácticas

Neste terceiro punto, tratáronse as principais iniciativas que se levaron a cabo en cada municipio  a título individual e que se consideran transferibles aos demais.

Neste sentido, Carballo achegou a súa iniciativa de aparcamentos de proximidade, onde se establece un convenio comodato cos propietarios de chan urbano e que se sitúan preto de espazos de referencia, xa sexa cultural, deportivo ou doutro tipo. O Concello exime aos titulares das leiras do imposto de bens inmobles e asumen o mantemento do espazo. Para os veciños e veciñas é gratuíto e permite estacionar durante unha hora e media. Contan xa con máis 2.000 prazas.

A Coruña animou aos presentes para instaurar nos municipios lindeiros a iniciativa de bicicletas eléctricas, onde “se duplicaron en dous meses o número de usuarios que empregan este servizo, con 45.000 usos ao mes”. O Concello da Coruña conta con 175 bicicletas deste tipo. O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, preguntou sobre a posibilidade do intercambio en base noutros territorios, situación que neste momento non se permite.

A modo de conclusión, os presentes emprazáronse nunha nova reunión para “comezar a trazar xa por escrito os principais puntos a mellorar nos ámbitos no que se observan potenciais oportunidades a nivel conxunto, como a formación ou transporte”.

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina