Culleredo acolleu esta mañá unha xornada de debate sobre Política Urbana na que se deron cita as cidades galegas que forman parte do Eixo Atlântico, no contexto da convocatoria dos novos programas de Política Urbana cofinanciados pola Comisión Europea e, especialmente e, ao referente a españa, dos programas de Desenvolvemento Sostible (EDUSI).
Para acceder a eles, é fundamental elaborar as Axendas Urbanas de cada cidade proceso para ao que, á súa vez, tamén existe apoio financeiro. Inauguraron José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo, e Xoán Vázquez Mao, Secretario Xeral do Eixo Atlântico.
Estiveron presentes tamén a responsable de Políticas Urbanas do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana; o responsable de Desenvolvemento Urbano no Ministerio de Facenda e Función Pública, ademais de Xosé Manuel Souto, profesor catedrático da Universidade de Valencia, quen presentou un documento sobre áreas funcionais; Adela Pinto, vicepresidenta da Câmara Municipal de Guimarães, que amosou a súa cidade como exemplo da solución portuguesa a esta problemática coas Comunidades Intermunicipais; José Manuel Pena Penabad; Ángela da Cruz; Esteban Molina Martín e Alfredo García Rodríguez, alcalde do Barco de Valdeorras.
Un dos eixos principais da política europea desde o punto de vista de interese das cidades é a Política Urbana. Especialmente, despois da crise pandémica e o papel que os concellos xogaron na atención ás persoas e na coordinación de resposta á crise.
Este ano está prevista a convocatoria dos novos programas de Política Urbana cofinanciados pola Comisión Europea e, especialmente, ao referente a España, dos programas de Desenvolvemento Urbano Sostible (máis coñecidos ata o de agora como EDUSI), proxectos que, para acceder a eles, é fundamental elaborar as Axendas Urbanas de cada cidade, proceso para ao que, á súa vez, tamén existe apoio financeiro.
Neste sentido cabe lembrar que o Eixo Atlántico elaborou para o conxunto das súas cidades a Primeira Axenda Urbana Transfronteiriza de Europa e coordinou o proceso que culminou coa elaboración da Primeira Axenda Urbana Transfronteiriza do Mercosur entre Brasil e Uruguai.
Xa no período anterior 2014-2020, o desenvolvemento urbano era unha prioridade para a UE con todo, moitos núcleos urbanos galegos, debido ao seu tamaño, atoparon problemas para acceder aos mesmos, non só a escala europea senón tamén ás axudas a nivel nacional derivadas dos fondos UE destinados a desenvolvemento urbano. Así, un dos principais problemas cos que se atoparon varios concellos galegos é o derivado non só do seu tamaño senón da súa baixa densidade de poboación e a estrutura territorial de Galicia.
O problema téñeno as cidades de menos de 20 mil habitantes pero que son cabeceiras de comarca e que no seu conxunto superan 50 mil habitantes. Estas, a pesar de dar servizos públicos a un gran número de habitantes, non puideron acceder aos programas de política urbana debido a que as comarcas en Galicia non teñen personalidade xurídica recoñecida, problema no que o Eixo Atlântico vén discutindo tanto con autoridades autonómicas, nacionais como comunitarias en Bruxelas para que recoñezan estas áreas funcionais e, por tanto, estas cabeceiras de comarca poidan optar aos fondos europeos para a Política Urbana.
O 8 de febreiro, no momento en que as novas axudas ao Desenvolvemento Urbano deberían estar a piques de saír, tivo lugar en Culleredo unha xornada de debate promovida polo Eixo Atlántico, entre todas as cidades galegas que forman parte da entidade, a responsable de Políticas Urbanas do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana e o responsable de Desenvolvemento Urbano no Ministerio de Facenda e Función Pública. Tamén foron convidadas o evento as cinco localidades galegas que xestionan un DUSI pero non pertencen ao Eixo Atlántico.
Durante a inauguración, o Secretario Xeral do Eixo Atlântico, sinalou que “durante esta xornada imos falar dun problema e do seu particular casuística en España e Portugal”, sinalando como “o país luso resolveu esta situación” e “como está a traballar o noso país” o tema das áreas funcionais, cuxo problema é que “principalmente municipios do interior con menos de 20.000 habitantes non poden candidatarse polo límite de poboación pero son cabeceira de Comarca de municipios de 50.000”, facendo alusión a que “en Galicia nunca se legalizaron as Comarcas e aínda que é unha realidade física non poden optar aos fondos”.
Portugal, pola súa banda, “resolveu estupendamente”, en palabras de Vázquez Mao, coa "creación das comunidades intermunicipais”. “O que nos falta é ver como podemos presentar algo que nos dea corpo xurídico para que sexa admisible, e por tanto, localidades do interior cunha área funcional que supere os 50.000 habitantes poida optar, en resumidas contas”, finalizou o Secretario Xeral, non sen antes “agradecer a Ángela, a subdirectora xeral que leva a Axenda Urbana, e que foi a cabeza na sombra da axenda urbana española; a Esteban, que é quen leva a EDUSI; a Adelina, que preside o grupo de traballo de Educación e Cultura, así como a Xosé Manuel, unha das cabezas visibles en materia de ordenación do territorio e política urbana deste proxecto”.
Pola súa banda, José Ramón Rioboo, alcalde do Concello de Culleredo, no acto inaugural, agradeceu a Vázquez Mao o “pensar en Culleredo para organizar estas xornadas”, porque “o certo é que o noso municipio está no primeiro cinto metropolitano da cidade da Coruña, e que conformamos esa realidade, a dun concello cunha parte urbana moi importante pero que á súa vez combina cunha contorna rural moi significativa, supoñendo os dous contrastes dun municipio destas características”, instando a que “as políticas teñen que combinarse e estruturalas para que tanto a zona rural como a urbana teñan os mesmos servizos e as mesmas vantaxes, e esta é unha casuística que hoxe imos abordar aquí”.
“Deberiamos cambiar o marco lexistlativo para que os Concellos puidésemos tramitar os nosos propios servizos, e as axudas que veñan desde outras administracións, como a central, a autonómica ou a europea, unha transversalidade que debería existir e dirixirse á axilidade, sobre todo no concerninte á contratación”.
O rexedor quixo “agradecer tamén a presenza de todos os asistentes, tanto dos que expoñerán e outorgarán un grao cualitativo excepcional ás xornadas, como os e as que vides escoitar e achegar, tamén sen ningunha dúbida construtivamente, para que poidamos chegar a consensos e acadar solucións comúns”, finalizou Rioboo.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER