Unha nova actividade emerxe con forza en Culleredo, sumando persoas interesadas de todas as idades. Máis que unha finalidade recreativa no fondo concíbese como unha iniciativa social, como explica o seu presidente, José Antonio Ferreño.
A Escola Xadrez Culleredo – Carpintaría Ferreño acaba de nacer, coa colaboración do Concello de Culleredo e de patrocinadores particulares, como unha nova modalidade deportiva ao alcance dos veciños do municipio. Contan con socios lonxevos e tamén con nenos. “É unha marabilla velos xogar entre eles, compartindo taboleiro e intercambiando coñecementos”, expresa.
En tan só dous meses de actividades xa lograron máis de 30 socios, ademais de persoas interesadas que acudiron a algunhas das citas. E a previsión é ir a máis, destaca Ferreño, porque cada semana recibe o interese de máis e máis veciños”.
A Escola desenvolve a súa actividade en Vilaboa, nas dependencias municipais de Vila Melania. Co espírito de propiciar a participación, os socios poden acudir calquera día para practicar. Os sábados están máis tempo e adoitan ter a competición oficial, como ocorreu o pasado día 4, cando venceron por 3,5 a 0,5 ao equipo do Casino.
O club, que está federado, inicia a competición en terceira división. A aspiración, sinala o presidente, é “ascender para o ano que vén estar en segunda división e ademais crear novos equipos en terceira”.
Outra meta é a organización dun gran torneo en Culleredo, atraendo a xogadores a nivel estatal e internacional mesmo. Tamén aspira a consolidar a competición que estrearon a finais de decembro en Vilaboa, con elevada participación.
O alcalde, José Ramón Rioboo, felicita aos responsables da escola pola súa “iniciativa de éxito” e garante o “máximo apoio” do Concello. Rioboo acudiu en decembro á primeira competición da entidade, onde puido comprobar “a excelente idea” de impulsar o xadrez en Culleredo, algo que non existía.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER