A arbitraxe empeza a ter canteira en Culleredo. O Concello e o Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol comezaron o pasado mes de febreiro o proxecto pioneiro para promover esta vertente do deporte entre os mozos do municipio e hoxe recibiron a primeira sesión práctica con Eugenia Gil e Rubén Eiriz. Acudiron o concelleiro de Xuventude, Abraham Seijas, e a concelleira de Educación, Cristina Pardo.
Gil é árbitro profesional da Primeira División feminina, bolseira en EEUU e subcampioa de España dos 400 metros lisos. Eiriz é delegado do Comité de Árbitros da Coruña, quen xa acudiu á primeira toma de contacto para familiarizar aos escolares cos conceptos de sinalización e posicionamento dos árbitros durante os partidos.
O IES Eduardo Branco Amor foi escenario novamente para esta primeira formación práctica, comandado polos colexiados profesionais. Unha trintena de escolares puideron así entrar en materia, equipados xa con tarxetas, chifre e equipamento profesional, que se lles regalou antes de comezar a sesión, para posteriormente traballar sobre o terreo.
Esta Escola de Arbitraxe, de mans do Comité Técnico, inclúe a arbitraxe dos mozos na propia liga escolar. Esta iniciativa non se realizou nunca en España. Con esta proposta búscase enganchar aos rapaces, que verán o seu labor reflectido en partidos cos seus propios compañeiros.
O vindeiro 14 de marzo acudirá ao centro Diego Sánchez Rojo, árbitro asistente internacional FIFA e de Primeira División, que foi premiado este ano como mellor asistente de Primeira. Acode regularmente a encontros da UEFA Champions League e UEFA Europa League, e tamén formou parte do equipo de árbitros da final da Copa do Rei 2022.
O goberno municipal sinala que a arbitraxe é “esencial no deporte e na promoción do seu labor social”. O Concello agradece a implicación da dirección e profesorado do Branco Amor para levar a cabo a actividade, aberta a outros centros.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER