O Concello de Culleredo acordou co club Sporting Burgo o comezo das obras de renovación do céspede artificial do campo municipal da Lavandeira o próximo 26 de xuño.
Desta maneira o club poderá dispoñer da instalación deportiva municipal para finalizar as competicións da tempada en curso e chegar a tempo para o comezo da nova tempada co campo de fútbol renovado. O recinto contará cun novo sistema de céspede artificial, o de maior nivel certificado pola FIFA.
O Concello de Culleredo, de acordo a actuar con respecto ao medio ambiente, dispoñerá para esta obra unha renovación sostible mediante maquinaria especializada, que permitirá retirar o céspede artificial existente sen xerar novos residuos. O céspede artificial actual, tras máis de 15 anos dun uso intensivo xa chegara ao final da súa vida útil deportiva, pero o Concello, grazas a este tipo de actuación permitirá poder destinar o céspede retirado para outros usos municipais e reciclalo para darlle unha segunda vida, por exemplo en ámbitos urbanos.
O novo sistema de céspede artificial, do mesmo xeito que se realizou nos últimos anos na reforma dos campos de futbol de Almeiras e Tarrío, tratarase dun sistema de máximas prestacións, cun céspede na tendencia actual das últimas innovacións e desenvolvemento deste tipo de superficies deportivas para garantir a maior protección aos futbolistas e á súa vez garantir unha maior lonxevidade da nova superficie.
O importe de adxudicación é de 180.856,28 euros.