Continúa desenvolvéndose con motivo das vacacións de verán o programa municipal "Mañás de campamento 2023", impulsado para facilitar a conciliación ás familias de Culleredo. A concelleira de Educación, Cristina Pardo, visitou o CEIP Vila de Rutis, onde levan a cabo as actividades cun dos grupos de nenas e nenos inscritos, máis dun centenar.
Os campamentos levaranse a cabo ata o 1 de setembro, abarcando así todo o período non lectivo. Este programa foi desenvolvido para nenos e nenas empadroados en Culleredo, entre 3 e 12 anos de idade e matriculados no curso actual en Educación Infantil ou Primaria.
As actividades están deseñadas para gozar dos xogos ao aire libre, sempre que a climatoloxía acompañe, fomentar a convivencia e animar á interrelación entre as nenas e nenos. Estarán adaptadas ás diferentes idades, cun enfoque activo e participativo. A ciencia, a historia, a música, as artes plásticas e a natureza serán temáticas que se abordarán nos diferentes talleres.
Cristina Pardo, concelleira de Educación, sinalaba "o espectacular ambiente" e recalcaba a "relevancia de levar a cabo un programa como este, que facilita a conciliación das familias pero que tamén contribúe ao desenvolvemento motriz e cognitivo das pequenas e pequenos".