O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, aposta pola toma de medidas conxuntas entre os Concellos que captan auga do encoro de Cecebre ante a situación de seca prolongada determinada pola Xunta de Galicia. A auga do devandito encoro fornece a varios municipios da comarca, como é o caso de Culleredo, polo que o rexedor considera "lóxico" que as limitacións a adoptar sexan similares en todo o territorio.
Neste sentido, Rioboo avanza que o Concello de Culleredo fixará as restricións no consumo que determine o Concello da Coruña e Emalcsa, como responsable da distribución da auga e titulares do encoro. O alcalde mostra a súa disposición para efectuar unha coordinación entre todos os concellos e axentes implicados para ofrecer unha actuación eficaz.
Así, algunhas das medidas xa avanzadas pola Coruña consideraranse, como a redución das regas en zonas públicas e privadas, ou dos baldeos e limpezas. Tamén se poderá limitar o enchido de piscinas e a actividade das fontes ornamentais, aínda que no caso da fonte de Vilaboa de recente creación, a auga forma parte dun circuíto pechado.
Algunhas destas medidas xa están en aplicación en Culleredo desde hai meses. É o caso da diminución na rega de espazos verdes amplos, como o paseo marítimo.
Ademais, o alcalde de Culleredo avoga por chamar á concienciación da poboación para utilizar a auga con responsabilidade. Rioboo pide tranquilidade, dado que, como transmitiu A Coruña, os niveis de Cecebre a día de hoxe permiten afrontar todo o 2023 con reservas suficientes, pero defende a actuación con previsión e seguindo todos os preceptos dos técnicos.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER