O Concello de Culleredo executará en horario nocturno a pavimentación da Avenida de Galicia, no Burgo. A actuación levarase a cabo de madrugada para minimizar o impacto sobre o tráfico, dado que se trata dunha vía chave para a circulación.
A actuación comezará mañá domingo, 17 de marzo, de noite. Iniciarase co fresado, que non suporá cortes de tráfico. Na noite do luns 18 ao martes 19 levará a cabo o aglomerado da calzada. Neste caso si que implicará o corte da rúa á circulación en horario aproximado de 22.00 a 6.00 horas.
A recomendación da Policía Local durante ese tempo é empregar como alternativas a Avenida de Juan Carlos I, para quen se dirixa cara a O Temple, e a Avenida de Vilaboa, para quen se dirixa cara a Almeiras ou o aeroporto. Cabe lembrar que desde O Burgo pódese tomar a avenida de Juan Carlos I a través de rúa Ferrocarril e Mosteiro de Carracedo, e a Avenida de Vilaboa a través da avenida de Rutis.
Tras o aglomerado quedará por facer o pintado da sinalización viaria na Avenida de Galicia, que se realizará en días sucesivos sen requirir máis cortes. Esta renovación da avenida de Galicia forma parte da obra de rehabilitación integral da praza de Galicia. O Concello apostou por efectuar unha actuación de envergadura, cun investimento de 1.424.430,29 euros, que abrangue tanto á praza como a todas as rúas que a rodean.
En primeiro lugar, repáranse as zonas danadas do pavimento e posteriormente aplícanse 5 centímetros de novo acabado. Na avenida xa ven as novas beirarrúas con lousas en cor gris, seguindo a estética e materiais que está a empregar o Concello en todas as súas obras de humanización. Na praza xa se pode ver o novo parque infantil, as bancadas e urbanización xeral.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER