O novo recinto do Paseo Marítimo do Burgo, en Culleredo, acolleu esta mañá a primeira plantación simbólica de especies arbóreas, un total de 10 exemplares de Betula Alba e Sambucus Nigra que marcan o inicio da nova vida deste espazo tras as obras dragaxe do estuario.
Estas plantacións quedarán integradas nos 70.000 metros cadrados de zonas verdes que pasarán a constituír como espazos lúdicos e recreativos, formando parte da rede de paseos marítimos que permitirán o goce perimetral da Ría do Burgo.
Esta actuación forma parte do axardinamento con especies autóctonas dos recintos de Culleredo e Oleiros, onde en total van ser plantadas 190 árbores, entre os que imos poder atopar bidueiro, piñeiro manso, freixo, espiño, loureiro ou maceira.
Aproveitando que mañá, xoves 21 de marzo, conmemóranse tanto o ‘Día Internacional dos bosques’ como o ‘Día Mundial da Síndrome de Down’, esta mañá déronse cita algunhas das persoas que forman parte da Asociación Down Coruña xunto ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; do delegado do Goberno na Coruña, Pedro Blanco; da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, do Xefe de Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Carlos Gil e dos concelleiros Mario Iglesias e Carlos Liñares.
Durante a súa intervención, Rioboo quixo agradecer “ás persoas que integran a Asociación Down Coruña que compartisen connosco unha preciosa mañá nun espazo que agora constituirá unha marabillosa zona verde para uso e goce das veciñas e veciños de Culleredo”, sinalou. “Vai ser, se non o era xa, un dos Paseos Marítimos máis bonitos de Europa”.
“Hai unhas semanas compartiamos, nun lugar parecido tamén no noso Paseo Marítimo, xuntas e xuntos, unha acción de plantación similar con Down Coruña. Xa formades parte para sempre do noso municipio e esperemos seguir colaborando nun futuro próximo”, indicou o alcalde, José Ramón Rioboo.
Pola súa banda, Pedro Blanco, delegado do Goberno na Coruña, destacou que “estamos moi preto de acabar unha obra modélica en moitos aspectos. A nivel técnico, é a rexeneración costeira e ambiental máis ambiciosa do noso país. É modélica a nivel nacional e internacional polos retos que tiveron que superarse. Grazas a todas as persoas involucradas para que este proxecto, que hai décadas era un soño, sexa hoxe unha realidade”.
Ricardo Santos, de Down Coruña, celebrou o “poder participar de maneira activa desde a Asociación Down Coruña nunha obra de tanto calado como é a rexeneración da Ría do Burgo. Nós na Asociación facemos actividades de formación pre laboral para que os mozos e as mozas poidan traballar como axentes medio ambientais”.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER