O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, e a primeira tenente de alcalde, Cristina Pardo, recibiron esta mañá a Francisco Gómez, novo tenente do posto principal da Garda Civil no municipio. Estiveron acompañados por Santiago Pichel, comandante xefe da Primeira Compañía da Comandancia da Coruña, e por Fernando Vázquez, en representación da Policía Local de Culleredo.
Rioboo deulle a benvida ao tenente tras o seu nomeamento, desexándolle toda a sorte na súa nova etapa. Trátase do seu primeiro destino tras a súa formación na Academia Xeral de Oficiais.
No encontro, Rioboo e Gómez trataron temas como a singularidade de Culleredo en materia de seguridade, ao contar con grandes infraestruturas de comunicación que o atravesan e polo propio aeroporto, ademais da súa localización limítrofe coa cidade, o que require un labor exhaustivo.
Rioboo destacou a excelente coordinación e relación do Concello, e os seus efectivos de seguridade, coa Garda Civil, algo que é esencial para o desenvolvemento do traballo a diario.