O Concello de Culleredo celebrará o domingo 20 de outubro o Día da Muller Rural cunha gran xornada no parque da Torre de Celas, organizada polo Concello coa colaboración da asociación As Berenguelas. Trátase dunha data moi especial coa que se busca poñer en valor o papel esencial da muller no ámbito rural.
A xornada contará cunha ampla programación que empezará a partir das 13:00 horas cunha presentación. Posteriormente celebrarase un recital poético ás 13:15 horas a cargo da poeta Luz Capello e a actuación do grupo tradicional de pandeireteiras Pan Sen Fron, que ás 14:00 horas interpretará o espectáculo ‘A todo filispín’.
Ás 15:00 horas celebrarase a comida, organizada pola asociación de mulleres As Berenguelas. Contará cun menú formado por paella, empanada, torta de Santiago, pan, viño e auga. O prezo do menú é de 12 euros por persoa e poderase pagar de forma anticipada ata o 18 de outubro a través do teléfono 622 347 788.
Pola tarde proseguirán os actos, co espectáculo ‘O Pozo das Señoras’ ás 17:00 horas a cargo da narradora oral Vero Rilo e a acordeonista Penadique. E para pechar a xornada celebrarase unha foliada a partir das 18:00 horas na que actuarán grupos tradicionais da localidade, como Ancoradoira, Batuxeiros, Xilbardas, Larpeiros de Altamira, Son da Terriña y As Muxicas de Orro.
Ademais, durante toda a xornada estará en marcha a Feira de Artesanía e do Produto Ecolóxico, que se compoñerá de diferentes postos onde os visitantes poderán coñecer o traballo de artesás e artesáns de Galicia.
Marta Figueroa, concelleira de Cohesión Social, comentou que “con esta xornada buscamos resaltar a importancia da muller no rural, unha figura imprescindible que é preciso destacar”. A edil tamén resaltou que “será unha xornada moi amena onde, como todos os anos, as veciñas e os veciños poderán gozar dunha gran variedade de actividades, polo que animamos a todos a vir celebrar o Día da Muller Rural”.