O Concello de Culleredo abriu o prazo para apuntarse ao Curso de Micoloxía 2024. Por unha incidencia técnica, as solicitudes recibiranse xa unicamente por mail, remitindo o documento que se achega nesta noticia ao enderezo biodiversidade@culleredo.es.
As inscricións xa rexistradas sen problemas a través do formulario online, xa son válidas. O Concello remitirá un mail reconfirmando a inscrición. Máis info en 620 008 450.
O período estará aberto ata o vindeiro luns, 25 de novembro, e as inscricións son totalmente gratuítas.
As prazas, que se reservarán por rigorosa orde de inscrición, están limitadas a 30 persoas co principal motivo de non deteriorar o medio natural. Terán prioridade as persoas empadroadas en Culleredo. O martes 26 de novembro publicarase a lista de persoas rexistradas na actividade e a lista de agarda.
O curso desenvolverase do 28 ao 30 de novembro, con tres xornadas con actividades diferentes. O xoves, 28 de novembro, celebrarase unha charla de introdución ao mundo dos cogomelos a cargo de Fernando Ramos García. Será no Centro Municipal de Formación Pablo Picasso de 20:00 a 22:00 horas.
A segunda xornada terá lugar o día seguinte, venres 29 de novembro, cunha sesión de curiosidades sobre o mundo fungi e cunha degustación de cogomelos, ambas actividades da man de Raquel Poncini Gómez. Será no Centro Municipal de Formación Pablo Picasso en horario de 20:00 a 22:30 horas.
Por último, o sábado 30 de novembro, celebrarase a última sesión do curso, cunha saída micolóxica ao Concello de Guitiriz na que se realizará unha identificación de exemplares de campo. Será de 9:30 a 14:00 horas cos guías micolóxicos Raquel Poncini Gómez e Fernando Ramos García, con viaxe en autobús incluída con saída desde a parada do Bar El Hoyo no Burgo.