O Concello de Culleredo aposta, un ano máis, por proporcionar á veciñanza unha alternativa de lecer educativo durante as vacacións escolares de Nadal, ofertando un campamento para facilitar a conciliación nos fogares. A actividade leva por título ‘Campamento de Nadal: Archeology Gate’ e está impulsada pola área de Cultura, Educación, Deportes e Participación Cidadá.
A iniciativa está dirixida a nenas e nenos de entre 3 a 12 anos matriculados en Educación Infantil ou en Educación Primaria. O CEIP Vila de Rutis acollerá este campamento urbano os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e os días 2, 3 e 7 de xaneiro, todos eles en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se ofrecerán servizos complementarios de almorzo, con horario de 7:30 a 9:00 horas, e de comida, con horario de 14:00 a 16:00 horas.
O prazo de inscricións abrirase o luns 25 de novembro ás 9:00 horas e pechará o 29 de novembro ás 14:00 horas. As prazas están limitadas a 100 usuarios e terán preferencia aquelas persoas empadroadas en Culleredo que acrediten convenientemente a necesidade de conciliación.