O Concello de Culleredo grita non á violencia de xénero. Máis de medio centenar de persoas concentráronse na praza de Europa do Burgo para mostrar a súa repulsa contra esta secuela e o seu apoio ás vítimas no Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
No acto tomaron parte concelleiros de todos os grupos políticos da corporación cullerdense, entre os que se atopaba a primeira tenente de alcalde, Raquel Jabares, e a edila responsable de Muller, Rocío Sampedro. Representantes veciñais, do mundo da cultura e das asociacións tamén se achegaron á praza de Europa.
O acto estivo presentado por Sampedro, mentres que a lectura do manifesto correu a cargo de Pilar Castiñeira Chamorro, Presidenta da ANPA do IES Branco Amor de Vilaboa e Presidenta da asociación ANHIDA. Do acompañamento musical encargouse Pomba Catalá Parga, profesora de frauta do Conservatorio profesional de música de Culleredo, mentres o público gardaba un respectuoso minuto de silencio polas vítimas.
A concentración estivo presidida por unha gran pancarta que rezaba "Por un Culleredo sen vítimas de violencia de xénero".