O Concello de Culleredo inaugura este mércores 8 de marzo, Día da muller, ás 12,00h no Xardín Botánico a mostra itinerante “Nós somos elas” promovida pola Asociación Alexandre Bóveda e pola área de igualdade da Deputación da Coruña. Poderase visitar de balde, de mércores a venres, entre o 8 e o 15 de marzo.
'NÓS SOMOS ELAS' componse de 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal (declarado BIC) que forma parte da colección permanente do Museo do Mar de Laxe. A escolma rescata para o proxecto retratos de mulleres acompañadas das súas fillas e dos seus fillos, fotografadas no ámbito laboral e privado. Cada fotografía está acompañada dos versos dunha poeta: Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradàns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño.
O arquivo Vidal. O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX até finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal.
Os Vidal foron retratistas da vida cotiá da comarca de Laxe. Nas súas fotografías foron recollendo momentos da vida cotiá, dos seus costumes, das súas tradicións, das súas vestimentas…
Todas estas pezas, van construíndo un relato que nos achega ás mulleres do século pasado e que nos fai reflexionar sobre ese lugar tan importante que ocuparon nas nosas vidas, imprescindibles para a nosa supervivencia.
A sala do Xardín Botánico, onde se alberga esta exposición permanecerá aberta ao público de mércores a venres, en horario de 18.00 a 13.30 e de 21.00h.