Arte Relixiosa

A visión do Alén foi unha das fontes inspiración máis ricas dentro da arte, a isto temos que engadir que a Igrexa ten detentado o poder económico e político ao longo de grandes períodos históricos, ostentando o mecenado artístico de modo prácticamente exclusivo ata épocas moi recentes. A arte relixiosa é unha parte moi importante do noso patrimonio; Culleredo comprende 11 parroquias, cada unha conta con igrexa parroquial, a máis diso ermidas, capelas, cruceiros...

O apartado arquitectónico abarca desde o románico ata construcións que non superan os corenta anos, unha actividade constructiva que non cesou, pero que cada vez é menos significativa dentro do panorama artístico global. Ademais conserva gran número de obras escultóricas, imaxes e retablos e Ourivería, sendo a pintura a menos representada dentro da arte relixiosa. Dentro do patrimonio eclesiástico non debemos excluír o patrimonio documental que supón unha fonte importantísima para o estudo da historia local e imprescindible para a datación do patrimonio artístico.

Coa fin de situar as obras no seu período, realizaremos un breve percorrido polos estilos representados en Culleredo, destacando as obras máis importantes de cada un deles.

O Románico: Ten a súa orixe no século XI, pero alcanza o seu maior apoxeo ao longo do século XII, baixo o influxo da construción da catedral compostelá. Un gran número de canteiros formados nos seus talleres, dispersáronse por toda Galicia tras a finalización das obras, difundindo as novas tendencias artísticas. Estes canteiros crearon á súa vez talleres, escolas locais que traballaron nas igrexas parroquiais que se edificaban nestes momentos. O desenvolvemento demográfico e económico propiciou a realización destas obras, que cubriron as necesidades das áreas rurais.

As Mariñas destaca polo gran número de igrexas románicas, moitas das de Culleredo conservan vestixios románicos: Rutis, O Burgo, Ermida de Sésamo, Celas, Orro e Culleredo. Esta última é a única que conservou a súa obra íntegra, xa que resto perderon as súas fachadas orixinais, debido a reformas posteriores.

Excepto a igrexa do Burgo, todas presentan a mesma estrutura propia do románico rural galego: nave única e un obstad rectangular. Son de dimensións reducidas e están realizadas en sillería de granito de boa calidade e perfecto corte. O testeiro é a parte máis coidada, con arcos triunfais de medio punto, nalgúns casos de tendencia apuntada ou peraltados, que dan lugar a bóvedas de canón. As naves cóbrense con madeira e tella, carecendo de abovedamento algún.

En canto ao que a obra escultórica se refire, ademais da fachada de S. Estevo de Culleredo, destacan os tímpanos do Burgo e Celas, que se salvaron da destrución grazas á súa instalación en portas menores; ademais existen numerosos detalles ornamentais como capiteis, canzorros, molduras, fiestras e sillares esculpidos illados.

Os temas figurativos son escasos, abundando os motivos de tipo vexetal estilizados.

Tras o prolífico período medieval, asistimos a unha longa etapa na cal non se acometen novas obras. O motivo débese buscar na decadencia económica, pero tamén hai que engadir que as necesidades estaban sobradamente cubertas coas vellas igrexas románicas, polo que non era preciso realizar novos templos.

As igrexas construídas durante a Idade Moderna responden a postulados neoclásicos: aspecto sobrio, sinxeleza de liñas e unha clara finalidade práctica máis acorde cos tempos que corren. Caracterízanse por amplos espazos que permiten presenciar mellor os actos relixiosos e acoller maior número de fieis. Os muros realízanse en mampostería de pedra local que despois é recebada e encalada, e os motivos ornamentais desaparecen totalmente para resaltar a simplicidade do seu trazado arquitectónico. A planta é rectangular dunha soa nave ininterrompida e a cabeceira é tamén cuadrangular, moi aberta, apenas diferenciada en anchura e altura. As fachadas carecen de decoración escultórica, presentando como única concesión fileiras de sillería ao aire que compartimentan a fachada rompendo a monotonía do pano. A espadana convértese nun elemento omnipresente, destinada a acoller as campás, tan importantes no desenvolvemento da vida cotiá do campo.

As igrexas de nova construción desta etapa son: S. Martiño de Sésamo, S. Xiao de Almeiras, Santiago de Castelo, S. Estevo de Sueiro e S. Pedro de Ledoño.

Durante a Idade Moderna refórmanse a gran maioría dos templos románicos: Orro, O Burgo, Celas, Rutis e Sésamo. As reformas habituais consisten en prolongar a lonxitude das naves, elevar os muros e, consecuentemente, derribar a fachadas románicas.

A outra faceta cara á que se dirixe a actividade artística, é a realización de retablos e a adquisición de imaxes dos patróns parroquiais, destacando sobre todas as obras o retablo da Transfiguración de S. Salvador de Orro, do escultor santiagués Ferreiro.

Os exemplos máis recentes de arquitectura relixiosa foron realizados nos anos 60, durante a época de desenvolvemento industrial coruñés, que aumentou a densidade de poboación nas localidades limítrofes á urbe. Os dous templos realizados nestes anos son a igrexa parroquial de Vilaboa e a igrexa de Tarrío. Edificios de carácter funcional, aos que se lles pretendeu dar un aire de modernidade. Destacan con todo, as pinturas murais realizadas por Lugrís no interior da igrexa de Vilaboa, que lle outorgan valor ao templo.

Unha vez realizado este breve percorrido pola arte relixiosa de Culleredo analizaremos cada unha das obras individualmente, abarcando todos os ámbitos artísticos dos mesmo.

 

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina